O Concello organizará visitas guiadas á escavación e faranse actividades de voluntariado con grupos

O Concello organizará visitas guiadas á escavación e faranse actividades de voluntariado con grupos.

O Concello de Pontevedra levará a cabo unha intervención arqueolóxica no Castro das Croas de Salcedo a partir da vindeira semana. O espazo rural e arqueolóxico do Val de Tomeza e Salcedo será obxecto de varias actuacións, aínda que esta será a intervención ‘estelar’ do Plan de Patrimonio do Rural que se está a levar a cabo por parte da Concellaría de Patrimonio Histórico, que dirixe Luís Bará.

O director da escavación, Eduardo Méndez, explicaba que o Castro das Croas é unha mostra do desenvolvemento da cultura castrexa que data de fai uns 2.700 anos, correspondendo a Idade de Ferro. Polos traballos que xa foron realizados sobre este xacemento, todo apunta a que se trata dunha vivenda que se atopa en proceso de construción. De entrada, esta é unha interpretación interesante para o director da escavación, que considera que pode chegar a ser un caso singular a nivel Galicia.

Nesta primeira fase do proxecto traballarán a partir das escavacións que xa se fixeron nos anos 90 e que amosaron un tramo grande de muralla. O equipo contará coa colaboración do arqueólogo Antonio de la Peña Santos, de Víctor Barbi Alonso, encargado da primeira intervención no Castro das Croas, e de Fernando Carrera, exdirector da Escola de Restauración de Pontevedra. Tamén se implicará o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico da USC, que fará a datación do xacemento a través da proba do ‘Carbono 14’ e se encargará do estudo da flora da época.

Participación cidadá

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, indicou que esta actuación busca a participación cidadá para transmitir un sentimento de orgullo e se converter así o patrimonio nun motor de dinamización social do territorio. Así, para poder ser partícipes dos descubrimentos do patrimonio, durante a escavación haberá actividades abertas ao público, visitas guiadas e tamén algunha actividade de voluntariado con nenos e grupos.

Ademais, farase un rexistro audiovisual, a modo de diario de traballo de campo, que será realizado polo arqueólogo e realizador Lukas Santiago. Ao mesmo tempo, o antropólogo Rafa Quintía, afondará na reconstrución de lendas e demais patrimonio inmaterial que arrodea este espazo arqueolóxico

Apoio veciñal

Esta actuación poderase levar a cabo grazas ao apoio, sensibilización e implicación activa dos veciños da parroquia de Salcedo, pois tanto a Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta como a Comunidade de Montes son os primeiros comprometidos en recuperar e potenciar o patrimonio de Salcedo.

O Concello de Pontevedra considera o Val de Tomeza e Salcedo “a milla de ouro do patrimonio rural”, ao contar cun conxunto de bens moi valiosos, como son as beiras do río Tomeza co seu espazo natural e ecolóxico, o trazado da Vía Romana XIX, a zona da Misión Biolóxica de Galicia, o Castro das Croas, os Muíños do Batán, ademais de outros restos arqueolóxicos e arte rupestre.

O presidente da Comunidade de Montes, Fernando Pintos, agradeceu ao Concello o inicio destes traballos que porán en valor a parroquia e que en breve ofrecerán importantes resultados, sendo unha referencia para outras parroquias. Pola súa banda, o presidente da Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta, recoñeceu que a recuperación deste espazo se pode levar a cabo grazas á participación activa dos veciños na recuperación do patrimonio combinada cunha estreita colaboración co Concello de Pontevedra.

Orzamento

O orzamento para este traballo é de 28.000 euros, dos cales o 40% está subvencionado con fondos Leader e o 60% con diñeiro municipal. A intervención será levada a cabo pola empresa A Citania.

Go top