“Implicar á veciñanza fai entender que o patrimonio non é un problema, senón un recurso”

O arqueólogo Eduardo Méndez comeza mañá os traballos de escavación do Castro das Croas de Salcedo.

A escavación do Castro das Croas determinará se realmente nos atopamos ante unha vivenda en construción con preto de 2.700 anos que non se habitou nunca. Esta é unha teoría á que chegou fai 20 anos o arqueólogo Antonio de la Peña Santos, cando se fixeron os primeiros traballos de campo. Isto daríalle a este xacemento unha categoría especial, pois non se descubriu ningún outro destas características en Galicia.

Mañá comezan os traballos na parroquia pontevedresa de Salcedo e Eduardo Méndez é o arqueólogo que está ao fronte da investigación.

En que van a consistir os traballos?

A escavación enténdese como unha primeira aproximación ao xacemento para coñecer o potencial real do mesmo. A principios dos anos 90 houbo dúas intervencións: unha primeira sondaxe de Victor Barbi e unha escavación de Antonio de la Peña. Entón documentouse unha muralla moi ben feita, de características monumentais, e escavouse de maneira parcial unha vivenda. Agora imos continuar un pouco a escavación de Antonio de la Peña para ver como é a muralla, limpala e deixala á vista. Analizaranse restos de sedimento e volverémolos documentar. Seguiremos escavando ata a súa totalidade para ver o que hai nela, pois o material actual fálanos dunha fase antiga dos castros, de máis de 2.600 anos, que é unha etapa tremendamente interesante.

Que ten de peculiar este castro de Salcedo?

O máis interesante é a súa antigüidade. Un castro que pertence a esa primeira fase de desenvolvemento dos castros xa é moi interesante e dálle moito valor, porque non son moitos os xacementos desa época que están escavados en Galicia a día de hoxe. O segundo valor engadido é que este castro foi identificado como unha vivenda en construción que se abandonou antes de estar construído, é dicir, que nunca se chegou a habitar. E isto é unha circunstancia única no conxunto de Galicia. Se este razoamento é así ou non, é o que imos comprobar con este traballo. Por agora mantémonos no ámbito da prudencia, con novos datos diremos se é así ou non.

Canto tempo van estar escavando?

Temos autorizados 15 días pola Consellería de Cultura, de maneira que os traballos se desenvolveran durante tres semanas, porque traballamos de luns a venres. Debería darnos tempo a cumprir os obxectivos: deixar ben escavada a muralla e completar a escavación da vivenda.

Cal é o obxectivo último da recuperación dos castros?

Que sexan visitables, para que poidan ser comprendidos. Teñen que ensinar algo á poboación. Espero que teñamos oportunidade de seguir escavando en anos vindeiros e cando se considere que os elementos que se desenterraron son suficientes, deberán sinalizalo con cartelería para implicar á veciñanza. Un dos maiores problemas que ten o patrimonio no noso país é que se mantén unha xestión á parte dos propietarios dos xacementos, sempre de costas á veciñanza. A imaxe que ten a xente é que se expropia, se multa… Sen embargo, neste caso, o Concello de Pontevedra está a implicar directamente na recuperación dos bens arqueolóxicos á veciñanza, de maneira que a xente entende que o patrimonio non é un problema, senón un recurso. E ao fin e ao cabo, os que o van conservar son os propios veciños.

Go top