Os traballos trasládanse á parte superior do Castro das Croas

Alí atópase unha cabana a medio escavar, que é a prioridade da escavación

Os traballos de escavación no Castro das Croas de Salcedo continúan a bo ritmo. Hoxe, a intervención trasladouse á parte superior do xacemento, onde se atopa unha vivenda a medio escavar que é o máis interesa aos arqueólogos.

Segundo explicaba esta mañá Eduardo Méndez, o arqueólogo da escavación, “os traballos na muralla están case rematados, só falta quitar os corredores intermedios. Agora ímonos centrar na cabana, que é a parte que da máis xogo. Queremos delimitala e escavar o máximo posible”.

Durante a mañá estiveron marcando a zona a escavar para saber a superficie que hai que limpar. Empezarán a traballar na parte xa escavada e esperan que durante a xornada de mañá se poidan ver os niveis de ocupación da cabana. Nos traballos que se levaron a cabo na muralla non se atopou ningún material arqueolóxico.

Diario de campo

Nas xornadas de traballo estase a elaborar un ‘Diario de escavación’, co fin de achegar á poboación os avances que van xurdindo no xacemento do Castro das Croas. Os vídeos que se elaboran están á disposición de todos os públicos na canle de YouTube do Concello de Pontevedra.

Estes vídeos tamén se poñen en coñecemento dos veciños a través das redes sociais asociadas ao proxecto: @CastrodasCroas (en Twitter) e en Facebook.

Go top