Preto de 50 persoas participan no acto de peche de campaña da escavación do Castro das Croas

13/09/2014

O Concello de Pontevedra puxo onte fin á campaña de escavación do Castro das Croas 2014 cun acto oficial no propio monte das Croas, que estivo presidido polo concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, e no que participaron preto de 50 persoas. Neste acto, informouse das actividades divulgativas que o Concello porá en marcha nos vindeiros meses, así como do resultado da escavación destas dúas semanas.

Cabe lembrar que a intervención do Castro das Croas é un proxecto multidisciplinar que comprende os aspectos históricos, arqueolóxicos e antropolóxicos relacionados co castro e a súa contorna. A intervención forma parte do proxecto de posta en valor do Espazo etnográfico e arqueolóxico do Val do Tomeza e Salcedo, no que se van desenvolver diversas accións de conservación, rehabilitación, interpretación e dinamización.

Á espera da memoria definitiva e da datación dos achados, o balance desta primeira campaña de primeira campaña de escavación é moi positivo. Confírmase que é un castro singular en Galicia pola súa antigüidade (entre 2.500 e 2.700 anos) e polas súas características construtivas, sobre todo no que atinxe á muralla, unha estrutura monumental de grande relevancia. Desde o punto de vista do concello de Pontevedra, estamos ante o asentamento humano coñecido máis antigo de todo o territorio municipal. Paralelamente aos aspectos históricos, a intervención desenvolvida no monte das Croas ten grande relevancia desde o punto de vista social e comunitario, por tratarse dunha experiencia novidosa de apertura da actividade arqueolóxica á sociedade.

No acto de peche da escavación, informouse das actividades que a Concellaría de Patrimonio Histórico ten previsto no Castro das Croas para os vindeiros meses, até que na primavera ou verán de 2015 se volva a iniciar unha nova da campaña de escavación arqueolóxica no monte das Croas, co obxecto de ampliar o coñecemento do castro e desenvolver un proxecto de conservación e consolidación das estruturas.
Ao longo dos meses de setembro e outubro vaise continuar co programa de dinamización e participación social, no que están previstas as
seguintes actividades:

• Xornadas divulgativas o 23, 24 e 25 de setembro no local social de Cabanas-Salcedo (antigo preescolar de Cabanas), coa participación dos seguintes expertos: Antonio de la Peña (arqueólogo do Museo de Pontevedra), Eduardo Méndez (diector da escavación), Buenaventura Aparicio (antropólogo), Rafa Quintía (antropólogo), Josefa Rey Castiñeira (profesora titular da USC), María Martín Seijo (doutora en Arqueoloxía e Historia da Antigüidade pola Universidade de Santiago de Compostela).
• Visitas guiadas para escolares: primeira semana de outubro
• Roteiro do monte das Croas: sábado 4 de outubro

Unha vez rematadas estas actividades, procederase a realizar un tapado preventivo das estruturas descubertas (muralla e cabana) para a súa axeitada protección e por razóns de seguridade. A intervención no castro é un proxecto de investigación e divulgación sobre o xacemento das Croas (Birrete-Salcedo), no que se desenvolveron intervencións arqueolóxicas nos anos 90, dirixidas por Victor Barbi e Antonio de la Peña. As Croas é un castro moi antigo, con uns 2.600-2.700 anos de antigüidade, polo que se encadra na primeira fase da cultura castrexa. Segundo Antonio de la Peña, foi abandonado durante o proceso de construción e non chegou a estar habitado.

O traballo que se desenvolveu desde mediados de agosto é unha primeira fase de escavación que se centrou na parte da muralla que apareceron nos traballos realizados nos anos 90 e dunha vivenda; a intencion do concello é darlle continuidade en próximas campañas, co obxecto de recuperar e poñer en valor este espazo de grande interese cultural.

Máis alá dos aspectos arqueolóxicos, a intervención céntrase nos aspectos históricos e antropolóxicos co obxecto de coñecer a relación da
comunidade local con este espazo (elaboración e trasmisión de lendas, historias de vida). Neste eido colabora o antropólogo Rafa Quintía da
Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), que afonda no estudo das lendas e demais patrimonio inmaterial relacionado con este espazo arqueolóxico. Ademais, estase a facer un rexistro audiovisual do proceso, a modo de diario de traballo de campo, realizado polo arqueólogo e documentalista Lukas Santiago.

En todo o proceso da escavación cóntase coa participación da comunidade de Salcedo, moi activa na conservación e recuperación do patrimonio cultural da parroquia, nomeadamente o etnográfico. A intervención do verán de 2014 ten un orzamento de 28.140 euros e está a ser realizada pola empresa A Citania Arqueoloxía coa dirección do arqueólogo Eduardo Méndez, do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM). O equipo conta co asesoramento de Antonio de la Peña (Museo de Pontevedra), Fernando Carrera (Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais), e Buenaventura Aparicio, entre outros expertos.

A partir dos resultados da excavación, desenvolverase o traballo de laboratorio para o estudo e datación dos achados. Nesta fase, o proxecto
conta coa colaboración do Grupo de Estudo para a Prehistoria do Noroeste Ibérico da USC, que fará a datación do xacemento através da proba do Carbono 14 e encargarase do estudo da flora da época.

Espazo etnográfico e arqueolóxico do val de Tomeza e Salcedo

A intervención no Castro das Croas forma parte do proxecto de dinamización do espazo etnográfico e arqueolóxico do Val de Tomeza e Salcedo. Este espazo é un proceso de recuperación, divulgación e dinamización do patrimonio de Salcedo, artellado arredor dos bens etnográficos e arqueolóxicos desta parroquia: o conxunto etnográfico dos muíños do río do Batán, as estacións arqueolóxicas de Vilar de Matos (Cabanas), Mato das Cruces (A Esculca) e Outeiro da Mina; o Pazo de Gandarón (sede da Misión Biolóxica); o trazado da Vía XIX e os miliarios descubertos nas obras de construción da vía férrea; e o Castro das Croas son os principais referentes dun proxecto que contempla a restauración de bens, a sinalización e a posta en marcha dun programa de divulgación e dinamización mediante exposicións, guías, paneis interpretativos, roteiros, visitas guiadas, actividades lúdicas, etc.

O espazo etnográfico e arqueolóxico do Val de Tomeza e Salcedo é a “actuación estelar” dentro das iniciativas deseñadas para recuperar o patrimonio rural neste mandado, que se recollen no Plan do patrimonio rural aprobado en xuño de 2012. No plan incluense liñas de actuación relacionadas coa protección, conservación, restauración, divulgación e dinamización dos bens culturais das parroquias, tanto materiais como inmateriais.

Go top