A vida cotiá nos castros

26/09/2014

Na terceira e última xornada sobre o Castro das Croas, fixemos un achegamento á vida cotiá nos castros, para coñecer que se comía, como cociñaban os alimentos, que madeira recollían e para que a empregaban.

Para falarnos destes interesantes temas, contamos con dous expertos da Universidade de Santiago de Compostela. Estevo Amado, licenciado en Historia e Máster en Arqueoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), falou sobre ‘Alimentación e consumo na Idade do Ferro: O castro das Croas e os seus coetáneos’ e fixo un repaso ao estado actual dos coñecementos sobre a vida cotiá nos castros centrándose na alimentación e o consumo na Idade do ferro e prestando especial atención ao castro das Croas e aos xacementos máis próximos coa mesma cronoloxía.

Coas súas explicacións soubemos que os castrexos eran consumidores de landras, millo miúdo e fabas, entre outros vexetais. En canto aos animais, o sacrificio do gando bovino facíase na idade adulta, o que fai pensar que eran empregados para tarefas agrarias con algún tipo de arado da época. Nas zonas costeiras, a pesca e o marisqueo eran de rocha e na liña costeira.

Pola súa banda, María Martín Seijo, licenciada en Historia e doutora en Arqueoloxía e Historia da Antigüidade pola USC ofreceu unha conferencia sobre ‘A vida cotiá na Idade do Ferro a partir do estudo dos combustibles e das manufacturas en madeira’, falando sobre o estudo dos carbóns recuperados en contextos arqueolóxicos, en concreto en xacementos castrexos, para identificar cales eran os recursos leñosos utilizados por estas comunidades como combustibles ou para a elaboración de manufacturas. “Detrás dos carbóns están os procesos de traballo das comunidades que habitaron o castro”, sentenciou.

Martín Seijo explicou que os castrexos acendían o lume a diario (probablemente non o apagaban), polo que precisaban dispoñer de leña ao lado do lar que estivese en condicións para ser queimada. Iso supoñía que a tarefa de recollida se facía a diario e había que percorrer quilómetros para atopar leña. Normalmente eran as mulleres, as nenas e os nenos os que facían esta tarefa.

Para estudar os carbóns, o que se fai é recoller mostrar de terra, buscar os anacos de carbón, partilos e a partir dos vasos, as liñas… identificar a especie á que pertence. Na Idade do Ferro, as especies máis comúns eran Carballo, toxo-xesta, uz, abeleira e érbedo. Ademais de para o lume, tamén empregaban a madeira para facer recipientes de comida e auga, mangos de ferramentas, peches de construcións…

Go top