- Salcedo no tempo - http://salcedonotempo.eu -

Dúas novas visitas guiadas ao Castro das Croas e a súa contorna

A Concellaría de Patrimonio Histórico continúa coa programación de dinamización e participación sobre o Castro das Croas. Para este sábado, 4 de outubro, está prevista unha visita guiada ao xacemento arqueolóxico así como un roteiro polo monte das Croas e os muíños do Batán. Será a partir das 11.00 horas, partirá do Castro das Croas, terá unha distancia aproximada dun kilómetro e terá unha duración estimada de dunha hora e media. Esta visita estará guiada por A Citana Arqueoloxía, encargada da escavación.
Para o vindeiro sábado, 11 de outubro, tamén está prevista unha visita guiada ao xacemento arqueolóxico, seguindo o roteiro das Mouras (Castro das Croas, Muíños do Batán, a Esculca, Outeiro da Mina-Pedra do fundamento). Partirá ás 10.30 horas do Castro das Croas, e estará guiado por Rafael Quintía, da Asociación antropolóxica galega. Ten unha distancia aproximada duns 6 quilómetros e unha duración estimada de 3 horas e media.
Para ambalas dúas visitas a asistencia é libre e non é preciso inscrición
previa. Recoméndase levar roupa e calzado cómodo, axeitado para andar por
camiños de terra, sendas fluviais e pistas forestais. Nalgunhas zonas o terreo
pode estar enchoupado, de feito a actividade podería suspenderse en caso de
mal tempo.