Da Vía XIX ao TAV

Entre Carballo e Tui ábrese o que os xeógrafos denominan depresión meridiana, un accidente natural que favoreceu a construción dunha serie de redes viarias ao longo de milleiros de anos, desde a prehistoria aos nosos días.

A primeira estrada da que se atoparon vestixios construírona os romanos fai 2.000 anos: é a vía XIX que comunicaba Brácara con Lucus pasando por Tui, Turoqua, Caldas e Iria. Desta necesidade de comunicar o Norte e o Sur da Gallaecia, desta vontade de control militar e económico do territorio polos romanos naceu o primeiro núcleo urbano de Pontevedra (Turoqua?) e a veterana ponte que lle daría nome á cidade.

Pero antes dos romanos, os castrexos utilizaron esta mesma depresión para controlar o tránsito de persoas e o intercambio de bens. Os castros que se sitúan nas súas proximidades son boa proba do que dicimos.

A partir do século IV, coa desaparición do imperio romano, a antiga vía caeu no abandono e máis tarde, nos comezos da Idade Media, o camiño medieval desde Portugal a Compostela pola costa desprázase cara ao interior, utilizando de novo a depresión meridiana.

Cando a finais do século XVIII o arcebispo Sebastián Malvar, promove o grandioso proxecto do Camiño e Real Plantío desde Ponte Valga até Ponte Sampaio, os enxeñeiros que deseñan a vía recuperan en grande medida a traza da estrada romana o longo da depresión meridiana.

Miliarios

Coñecemos o trazado da vía no concello de Pontevedra, entre Ponte Sampaio e Cerponzóns, polos rexistros arqueolóxicos e a aparición de numerosos miliarios: na desembocadura do río da Ponte Nova ou Ulló en Ponte Sampaio, Paredes (Vilaboa), Salcedo, A Ponte do Couto, A Ponte do Burgo, Alba, Cerponzóns. A vella calzada na Gándara (Lérez), desgrazadamente soterrada, é outra mostra fiábel da traza do camiño.

Na Idade Moderna atopáronse tres miliarios en Paredes (Vilaboa) e un cuarto na desembocadura do río Ulló en Ponte Sampaio.

Unha nova infraestrutura, a construción da vía do tren entre Redondela e Pontevedra a finais do século XIX, propicia un novo descubrimento relacionado coa vía romana, o miliario de Adriano aparecido nas inmediacións da Ponte do Couto.

Xa nos comezos do século XXI, a traza da vía XIX volve rexurdir en Salcedo por mor das obras do tren de alta velocidade (TAV): os dous miliarios que apareceron neste lugar poñen ao descuberto o aproveitamento da orografía da depresión meridiana para o trazado das infraestruturas de comunicación ao longo de 2.000 anos, da vía romana XIX ao TAV.

Go top