Obras de conservación e limpeza de patrimonio hidráulico dos ríos Batán e Gafos

18/12/2014

A Concellería de Patrimonio Histórico está a levar a cabo diversas actuacións adicadas a recuperar algúns elementos do patrimonio hidráulico do municipio, especialmente no referido a antigos muíños, canles de rego e depósitos de auga.

A primeira das actuacións ten lugar nos muíños do Outeiro, no río do Batán, que afecta á limpeza do último dos seus muíños e da canle, así como a consolidación das pedras dos elementos con revestimento de morteiro hidrófugo, de cara a mellorar aquelas partes máis afectadas polo paso do tempo. Á vez, procedeuse ao desbroce, limpeza e eliminación de especies exóticas (nomeadamente Acacia dealbata e Robinia pseudoacacia) do sendeiro de pescadores.

Outra das actuacións centrouse no depósito próximo aos muíños do Batán, recentemente rehabilitados pola Comunidade de Montes de Salcedo en colaboración co Concello de Pontevedra. A limpeza deste antigo depósito construído en pedra do país inclúe tamén a conseguinte impermeabilización interior, tamén con materiais hidrófugos.

O terceiro punto tratado correspóndese coa canle de rego do muíño de Cabanas, xestionado pola asociación Vaipolorío. Nesta actuación procederase ao desbroce e limpeza da canle.

Finalmente, estanse a levar a cabo a cabo dúas actuacións máis na zona urbana do río dos Gafos, en concreto no muíño-vivenda do Coto, no que se está realizando limpeza da canle e mais a súa parte exterior, e no muíño de Vítor Soler, cuxo interior está invadido por especies alóctonas (Tradescantia fluminensis) e algunhas árbores.

No conxunto destas actuacións, a Concellería de Patrimonio Histórico ten investido uns 15.000,00 euros, ive incluído.

Go top