O Val de Tomeza e Salcedo, os pasos para 
a súa posta en valor

20/12/2014

O proxecto de posta en valor do espazo etnográfico e arqueolóxico do Val de Tomeza e Salcedo comezou en xuño de 2013, cando se deron a coñecer as actuacións que se levarían a cabo neste espazo que acolle un importante conxunto de bens cun elevado valor ecolóxico, etnográfico, histórico e arqueolóxico.

A recuperación dos muíños do Batán, no lugar do Birrete, foi a primeira actuación que se levou a cabo. En agosto de 2013, o Concello acometeu os traballos de desbroce da contorna do río, onde se atopan os catro muíños e habilitou una senda en paralelo ao río con accesos de madeira aos edificios para facilitar a accesibilidade, dado que o terreo é moi irregular e ten moita pendente.

Para completar esta fase, a Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta e a Comunidade de Montes de Salcedo conseguiron que os propietarios do muíño do Batán e o da Cancela se puxesen de acordo para recuperar ambos edificios e poñer a funcionar o primeiro.

Despois de sacar á luz o recinto castrexo que se atopaba sepultado por herbas, arbustos e árbores, o pasado mes de agosto comezou a escavación arqueolóxica no Castro das Croas, que se desenvolveu durante tres semanas e que permitiu afondar nos traballos que comezara o arqueólogo Antonio de la Peña no ano 1993. Na actuación de 2014 retiráronse as testemuñas da muralla e descubriuse toda a planta da cabana, que ten preto de sete metros de diámetro. Durante a escavación apareceron restos de cerámica e muíños de man nas dúas áreas de traballo.

Un percorrido para facer de xeito autónomo

Para que toda a labor realizada no Castro das Croas e na súa contorna teña a maior difusión posible e o percorrido polo espazo etnográfico e arqueolóxico do Val de Tomeza e Salcedo poida facerse máis comodamente, instaláronse paneis informativos en todos os puntos de interese relacionados con este proxecto. En total son 27 paneis interpretativos e 66 balizas de orientación en ferro galvanizado colocados sobre base de formigón. O sistema interpretativo está impreso en vinilo adhesivo con laminado de protección e resistencia aos raios ultravioleta. O obxectivo deste sistema de información e orientación é que os visitantes poidan realizar os percorridos polo espazo de forma autónoma, ou coa axuda do mapa guía e das audioguías.

O mapaguía amosa ao visitante o percorrido polo Val de Tomeza e Salcedo e ofrece unha explicación sobre os principais puntos de interese: a Tabacalera, o Pazo de Gandarón e a Misión Biolóxica, os muíños da Cancela, os petróglifos do Mato das Cruces e Outeiro da Mina, os muíños do Outeiro, o Castro das Croas, os muíños do Batán, o petróglifo de Vilar de Matos, a Sociedade de Agricultores, a Igrexa de San Martiño de Salcedo, o Castro e Pinal de Matalobos e a Capela de San Brais.

As audioguías, pola súa banda, ofrecen unha explicación máis detallada sobre cada un dos puntos de interese e, ademais, indican ao visitantes cara onde se ten que dirixir. Ámbalas dúas ferramentas permiten aos cidadáns facer o percorrido de xeito individual e ofrécenlle unha visión detallada dos principais fitos do espazo etnográfico e arqueolóxico de Salcedo: o patrimonio natural e cultural do río de Tomeza; os camiños históricos dende a vía romana XIX ao camiño portugués; a Misión Biolóxica de Galicia como capital da cultura científica galega; as estacións de arte rupestre de Vilar de Matos (Cabanas), Mato das Cruces (A Esculca) e Outeiro da Mina (A Muimenta); o Castro das Croas como espazo arqueolóxico e lendario; o conxunto de muíños do río do Batán: muíños do Outeiro, do Batán e da Cancela; o patrimonio eclesiástico coa igrexa parroquial, o cemiterio e a capela de San Brais; o movemento agrario en Salcedo a través dos heroes do Campo da Porta e a Sociedade de Agricultores; e a vinculación de Salcedo con Castelao, vista dende o Castro de Matalobos.

Na páxina web do proxecto www.salcedonotempo.eu pódese atopar máis información sobre as audioguías e os mapas. http://salcedonotempo.eu/media/

Orzamento

O proxecto conta cun orzamento de 166.743 euros, financiado en parte con fondos europeos Leader, e desenvolveuse en catro fases. A primeira foi a actuación na contorna dos muíños (58.368 euros), a segunda a escavación no Castro das Croas (28.140 euros); a terceira a creación de recursos divulgativos como unha web, un mapa guía e audioguías (36.844 euros) e a cuarta fase consiste una colocación de paneis informativos e balizas de orientación no ámbito do espazo etnográfico e arqueolóxico (43.390 euros).

Go top