- Salcedo no tempo - http://salcedonotempo.eu -

O patrimonio inmaterial de Salcedo recóllese no documental ‘Terra das Marabillas’

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, presentou hoxe xunto á xornalista Ana Lois o documental ‘Terra das Marabillas’, un traballo audiovisual que recolle o mundo máxico e mitolóxico da parroquia de Salcedo e que actúa como segunda parte do documental ‘Terra de Pastequeiros’, no que se recollía o patrimonio inmaterial da veciña parroquia de Tomeza.

O proxecto será presentado ao público este domingo, 15 de marzo, ás 19.00 horas no Teatro Principal e a entrada é de balde ata completar aforo.

Lois explicou que neste proxecto traballou man a man co antropólogo Rafael Quintía, que recentemente presentou o libro ‘Patrimonio inmaterial de San Martiño de Salcedo. Lendas, historias e crenzas’, e que ‘Terra das Marabillas’ ven a ser o resultado audiovisual das entrevistas que realizaron cos veciños da parroquia.

Trátase dun documental de 65 minutos dividido en 24 capítulos nos que se recolle a mitoloxía de Salcedo, os seres fantásticos, as mouras e os remedios populares. “É semellante ao que fixemos en Tomeza, pero á vez diferente, pese á proximidade das parroquias”, comenta a xornalista, que asegura que “Salcedo foi unha parroquia moi acolledora, que valora moito o seu patrimonio e que o garda con moito celo”.

Luís Bará recordou que Salcedo “é unha parroquia moi mimada, na que se está a levar a cabo unha importante recollida de patrimonio material, pero tamén inmaterial, que é a memoria viva do pobo”. Destacou tamén que este documental é o complemento perfecto ao libro sobre o patrimonio inmaterial de Rafael Quintía.

Exposición no CITA

Para que este traballo poida chegar a máis xente, o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) acollerá unha exposición de obxectos e tamén a proxección do documental. A mostra inaugurarase o mércores 18 de marzo e con ela preténdese darlle unha continuidade a este interesante proxecto.