- Salcedo no tempo - http://salcedonotempo.eu -

O CITA amosa máis de 200 pezas do patrimonio inmaterial de Salcedo

O Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) acolle dende hoxe ata o vindeiro 29 de marzo unha exposición que pretende amosar a través de imaxes e obxectos a riqueza patrimonial da parroquia de Salcedo

A mostra está plantexada en tres bloques temáticos: a mitoloxía, a protección e a curación. No apartado da mitoloxía céntrase nos seres míticos e os animais marabillosos, mentres que no da protección expón o que se empresa como protección fronte aos elementos, os amuletos, a protección da casa e das persoas, e o poder dos santos a través da protección divina de Santa Rita e San Brais.

En canto ao apartado da curación, amósanse técnicas de medicina tradicional; plantas máxicas e curativas; augas que todo o poden sandar; xeitos de tallar, cortar, cruzar e bendicir, así como a forza dos ritos e os ensalmos.

A exposición ‘Terra das Marabillas’ nace ao abeiro do traballo audiovisual ‘Terra das Marabillas’, no que a xornalista Ana Lois recolle o mundo máxico e mitolóxico da parroquia de Salcedo. Trátase dun documental que, á súa vez, complementa en imaxes a monografía ‘Patrimonio inmaterial de San Martiño de Salcedo. Lendas, historias e crenzas’ do antropólogo Rafael Quintía, que tamén colabora neste audiovisual.

Esta exposición tenta amosar a través dunha escolma de obxectos, de imaxes e de textos, unha parte dese valioso patrimonio inmaterial que atesoura a parroquia de Salcedo. Neste caso, a parte máis vencellada ao mundo das crenzas, do mítico e do máxico da nosa cultura.

En total móstranse máis de 200 obxectos divididos en sete vitrinas que forman parte da colección particular de Rafael Quintía e tamén pezas cedidas por Ana Lois, Xosé Feijóo e Rosalía Rodríguez. Tamén se poden ver todos os vídeos que conforman o documental ‘Terra das Marabillas’ que se presentou ao público o pasado domingo no Teatro Principal.

Horario de apertura

A exposición estará aberta no seguinte horario: