- Salcedo no tempo - http://salcedonotempo.eu -

Cúmprense 80 anos do fusilamento de Ramón e Consuelo Acuña logo da redada que custou a vida a cinco persoas en Salcedo 

Fai 80 anos, os irmáns Consuelo e Ramón Acuña foron fusilados no Malecón de Monte Porreiro. Era o 14 de decembro de 1936. Non cometaran delito algún, pero os fascistas acabaron coa súa vida porque tiveran agochados nun alboio da súa propiedade a Manuel Gómez Corbacho e Manuel Méndez Montes, dous sindicalistas que loitaban pola xustiza social e a igualdade.

Con eles xa acabaran dous días antes, cando lle prenderon lume ao alboio da Casa da Torre de Salcedo con eles dentro. Pero a masacre non remataba ahí. O día 19, a inxustiza e o terror avanzaba co fusilamento de Elvira Lodeiro, a compañeira de Gómez Corbacho. Ela asegurou estar embarazada, pero este feito só fixo retrasar uns días máis a súa morte. Cando a fusilaron tremía tanto que non era capaz de sosterse en pé. Cinco vidas segadas e tres orfos: as dúas fillas de Elvira e Manuel, que xa nunca máis se volveron ver, e o fillo de Consuelo, un menor con discapacidade no que mallaron a esgalla porque crían que estaba a finxir.

Ainda que este foi o suceso máis terrible, foi un dos moitos dos que aconteceron en Salcedo logo de xullo do 36. A parroquia era unha das máis activas de Pontevedra no movemento agrario, obreiro e de esquerdas, feito que a converteu nunha das parroquias máis atacadas tras o golpe de Estado, castigando os reaccionarios a loita da xente traballadora coa morte, o cárcere, a rapa e moitas outras formas de aldraxe.

Implicado coa loita obreira tamén estaba Manuel Méndez Acuña , que estivo uns días fuxido no monte pero decidiu volver á casa porque a súa muller, Estrella Pintos Iglesias, estaba embarazada por terceira vez. Unha noite detivéronos aos dous e leváronos ao campo da Feira. Metéronos xuntos nun cuarto e mallaron tanto nela diante del que perdeu o bebé que esperaba. Antes de quedar libre, Estrella viu como o torturaban a el, despois paseárono pola contorna cunha coroa de espiñas e asasinárono. O seu corpo non apareceu nunca.

Tampouco apareceu xamais o corpo do canteiro Abelardo Sobral, ainda que se cre que pode estar fondeado na ría. Era de Salcedo e casou con Hermosinda Lamoso, de Postemirón, e foi en Vilaboa onde exerceu a súa actividade sindical. Tras o golpe, o local da Sociedade de Agricultores e Obreiros de Vilaboa axiña foi incautado e convertérono no cuartel de falanxistas e cívicos. Alí foi torturado Abelardo tras a súa detención o 17 de outubro de 1936. Deixou tres fillos e á súa muller embarazada da cuarta.

O dirixente agrario José Gallego Acuña, vicepresidente do comité organizador do congreso agrario celebrado en 1935 e concelleiro pontevedrés pola candidatura agrario-obreira en 1931 tamén foi brutalmente asasinado. Tras o golpe instáronlle a fuxir ao monte con outros compañeiros pero negouse. Apenas uns días despois, na madrugada do 24 de agosto, fórono buscar á súa casa da Ruibal e tras torturalo durante tres días, asasinárono e abandonaron o seu cadáver, cos xenitais na boca, na ponte pequena de Pontesampaio. O día que o foron buscar déronlle unha malleira á súa muller, Josefa Peleteiro Rial, mancándolle o fígado e provocándolle unha doenza que lle causaría a morte cinco anos máis tarde. Para fuxir da persecución, a súa filla Manuela pasou unha tempada en Raxó e á volta converteuse en enlace dos do monte, entre os que estaba o pai do seu fillo, Emilio Méndez Montes.

Nin á loita nin á represión posterior foron alleas as mulleres da parroquia, fondamente implicadas nunha mobilización que basicamente buscaba reducir as desigualdades, acabando cos abusos que enchían de fame as súas familias. Houbo asasinadas, rapadas, depuradas como mestras, encarceradas, déronlles malleiras, foron insultadas,… e por iso este sábado, elas serán as homenaxeadas nun acto na parroquia de Salcedo. Será un acto de memoria e de pagar unha débeda 80 anos despois, con todas esas persoas que deron a súa vida e que sufriron para que hoxe todos poidamos gozar dos nosos dereitos coma cidadáns.

Acto do sábado 17 de decembro

Salcedo, a represión franquista contra a loita obreira e agraria. Homenaxe ás mulleres represaliadas, resistentes e solidarias

11.00 horas. Inicio do roteiro da memoria nos lugares da Ruibal e A Torre (explanada de acceso á Torre)

11.45 horas. Ofrenda de música, candeas e flores no cemiterio parroquial

12.15 horas. Acto público de homenaxe na Casa Verde de Salcedo