- Salcedo no tempo - http://salcedonotempo.eu -

Agrarismo e movementos sociais

A principios do século pasado o rural de Galicia viviu un auténtico espertar grazas ao labor das sociedades agrarias, que traballaron pola modernización do campo e en favor das persoas que o traballaban, o que pasaba, necesariamente, pola loita contra os foros e o caciquismo.

O 19 de xuño de 1894, en plena Restauración Borbónica e cunha orde social baseada no caciquismo promovido polos partidos dinásticos (conservadores e liberais), o antigo concello de Salcedo viviu un episodio represivo sanguento. Aquel ano estivo marcado pola enchente destrutora do Río do Batán e polas epidemias e a fame que desgarraron á maioría da poboación. Ante a protesta veciñal e a negativa a pagar aos recadadores de impostos, a Garda Civil acudiu a Salcedo e disparou contra unha poboación revoltada. Houbo moitos feridos e tres vítimas mortais (dous homes e unha muller) que desde entón son coñecidas como os heroes do Campo da Porta. Manuela Couso, José Rodríguez e Francisco Piñeiro foron os protagonistas dun dos máis tristes episodios que asolou a parroquia de Salcedo en toda a súa historia.

Desde ese fatídico día estes tres veciños de Salcedo representan para a comunidade a loita polos valores da xustiza e a dignidade das persoas. No seu recordo fíxose un monumento coa seguinte inscrición: “A los heroes de Campo da Porta, 1894. La sociedad de agricultores de Salcedo. Este recuerdo 1935”. Tamén no cemiterio parroquial existe unha tumba onde descansan os restos dos tres heroes. A lápida reza: “En memoria de Manuela Couso, José Rodríguez e Francisco Piñeiro, víctimas en defensa da agricultura”. No momento actual existe unha asociación de veciños chamada no seu honor “Asociación Veciñal dos Heroes do Campo da Porta”. É un dos colectivo máis dinámicos e activos na programación de actividades dentro do Concello de Pontevedra.