- Salcedo no tempo - http://salcedonotempo.eu -

Castelao e Salcedo

O impresionante miradoiro de Matalobos é un lugar privilexiado da cidade de Pontevedra. Así o fixo ver Castelao no seu emotivo poema ‘Meu Pontevedra’, recollido no libro ‘As Cruces de Pedra’ e no que desde o exilio de Bos Aires recorda a cidade e as súas contornas, escribindo:

Para sentir o orgullo de ser fillo da terra máis fermosa do mundo, eu rubo ao pinal de Matalobos, que está enriba da eirexa de Salcedo. Séntome nas pedras do valado, e chanto os ollos na ría que durme antre veigas e florestas. Asisto a transformación d-un día de sol en noite de luar. Alí sinto como en ningures a necesidade cósmica da patria e sei que son un anaquiño de eternidade galega. ¡Meu Pontevedra!”

Castelao tamén estivo moi vinculado a Salcedo durante os traballos de recompilación de información para a súa obra ‘As cruces de pedra na Galiza’. E é que esta parroquia pontevedresa é unha das máis ricas en patrimonio arqueolóxico e artístico e destaca polos cruceiros que se reparten por todo o seu territorio, moitos dos cales foron obxecto de estudo por parte do ilustre Castelao.