- Salcedo no tempo - http://salcedonotempo.eu -

Castro das Croas

O castro das Croas (Birrete) é un castro moi antigo, con uns 2.500-2.700 anos de antigüidade, polo que se encadra na fase de formación da cultura castrexa. Situado en terreos da comunidade de montes atópase a 122 metros de altura e foi descuberto grazas aos propios comuneiros en 1991. A superficie habitada é de aproximadamente unha hectárea e está constituído por unha croa (a superficie habitada máis elevada dunha aldea prehistórica) e unha terraza concéntrica. Na croa foi escavada unha cabana circular, de sete metros de diámetro, definida por un muro de 40 cm de espesor que carece de cimentación.

Na parte baixa do castro destaca a robusta muralla de dúas caras vistas de 1,5 metros de altura conservada e 2 metros de espesor que defende o castro polo este, a parte que mira á depresión meridiana, onde se sitúan outros dous recintos defensivos.

O xacemento posúe unha inmellorable situación xeoestratéxica, rodeado de terras de cultivo e dominando visualmente o tránsito de bens e persoas pola depresión meridiana, unha condición que comparte con outros castros próximos como o de Matalobos (Salcedo), San Cibrán en Tomeza, Coto Loureiro en Figueirido, O castro de Ponte Sampaio ou A Peneda no Viso (Arcade).

Na escavación de agosto de 2014 recuperáronse un total de 42 fragmentos de cerámica, que poderían corresponder a bordes de recipientes, posiblemente dunha ola. Ademais apareceron dous muíños de man e dúas estruturas anexas á muralla.