Escavación no Castro

O Castro das Croas é un xacemento arqueolóxico situado no lugar de Birrete, na parroquia pontevedresa de Salcedo. É un castro moi antigo, con uns 2.600-2.700 anos de antigüidade, polo que se encadra na primeira fase da cultura castrexa. Non foi ata principios dos anos 90 cando se descubriu que o Monte das Croas albergaba un castro, logo da aparición dunha pedra con gravados que resultou non ser de interese.

No ano 92 fíxose una primeira cata arqueolóxica por parte do arqueólogo Víctor Barbi, e no 93 levouse a cabo unha escavación, dirixida por Antonio de la Peña, que durou 15 días e que sacou á luz unha cabana e unha muralla. Vinte anos despois, en 2014, volveuse escavar no Castro das Croas. Entre o 19 de agosto e o 12 de setembro os arqueólogos da empresa A Citania Arqueoloxía e Xestión do Patrimonio estiveron intervindo en dúas zonas do castro.

Os primeiros traballos comezaron na zona da muralla, onde se retiraron as testemuñas que deixara Antonio de la Peña na escavación do ano 93, e onde saíron á luz restos de cerámica e uns muíños de man. Nunha das testemuñas acháronse tamén restos de carbón e os estudos antracolóxicos permitirán saber a que especie arbórea pertence esta madeira queimada. Na parte exterior da muralla apareceron dúas estruturas anexas á mesma, que poderían corresponderse con reforzos da muralla ou ben con derrubes.

Na parte alta do castro, onde apareceu a cabana, o que se fixo foi ampliar a zona escavada para coñecer o diámetro real da vivenda. Resultou ter preto de sete metros de diámetro, pero apenas aporta información porque está completamente arrasada e a zona que se contempla situaríase por debaixo dos niveis de ocupación. Neste ámbito apareceron tamén restos de cerámica, que pola curvatura do borde se podería determinar que pertenceron a olas, e tamén uns muíños de man.

O director da escavación, Eduardo Méndez, arqueólogo do Instituto de Estudos Miñoranos, asegurou ao remate dos traballos que o Castro das Croas é “un castro antigo dentro do fenómeno castrexo e tanto a cabana como a muralla son elementos de grande interese, sobre todo a muralla, porque estamos ante un tipo de estrutura practicamente única tendo en conta a antigüidade do castro. Ten un porte espectacular e nesa etapa soian ser estruturas moito mais débiles, menos aparentes”.

De cara a vindeiras campañas, o obxectivo é seguir escavando e ampliando a muralla coa intención de restaurala e facela visitable. Actualmente están á vista 14 metros de muralla, pero estímase que a súa lonxitude alcanza os 100 metros. Na parte superior do castro os traballos centraranse na retirada dos recheos para seguir na procura de máis cabanas.

Diario do Castro

Go top