- Salcedo no tempo - http://salcedonotempo.eu -

Río do Batán

O Río do Batán ou Cubela, que discorre entre a AP-9 e a Ponte do Batán, baixo a que unha lenda sitúa un fabuloso tesouro encantado, conta cun espectacular entorno no que medra unha frondosa vexetación con multitude de especies entre as que destacan salgueiros, amieiros, acacias e castiñeiros que decoran unha estampa inverosímil. Este río conta tamén cunhas augas que abrollan dun vello muro de pedra e que se denominan “olleiros do muíño de Matías”. Segundo o saber popular, este olleiro non seca nunca e a el acudían os veciños e veciñas con doenzas dos ollos para lavarse con estas augas sanadoras.

O batán é unha máquina artesanal que, ao igual que os muíños, funcionaba coa forza da auga e que tiña como función principal bater os tecidos que se fabricaban nos teares tradicionais para darlles unha textura máis compacta e homoxénea. Hoxe os ríos de Salcedo non conservan ningún batán, pero a súa memoria sobrevive entre nós grazas á toponimia.

O muíño do Batán de Abaixo, o de Matías (o máis grande do conxunto, posto que tiña unha segunda altura na que se situaba a vivenda) o de Moledo ou do Coxo, e o muíño do Batán ou da Ponte Batán son as catro construcións que forman un dos conxuntos etnográficos máis importantes de todo o Concello de Pontevedra. O do Batán, o do Moledo e o do Matías son muíños de rodicio horizontal e o de Matías posúe dous infernos e unha interesante canle de condución de auga rematada nun cubo vertical.

Seguindo río arriba atopamos os muíños do Outeiro, un conxunto de cinco muíños coñecidos co nome de Muíño do Pé Lamoso, Muíño do Firo, Muíño do Outeiro de Arriba, Muíño do Outeiro de Abaixo e Muíño de Pereira, estes tres últimos restaurados pola veciñanza da parroquia nos últimos anos. Todos son muíños de canle dunha soa moa. Todos, agás o de Pereira, son muíños de herdeiros, de propiedade compartida que se transmite en herdanza. As quendas de uso regulábanse por un tempo determinado. Deste uso compartido xurdían relacións sociais moi fecundas, como as muiñadas (festas nocturnas no muíño). O muíño de Pereira é de maquía, onde había un muiñeiro que cobraba pola moenda.

No barrio da Cancela, un dos máis populares de Salcedo, levántanse tamén un par de muíños: o de Arriba e o de Abaixo, que foron os primeiros da parroquia en seren recuperados. O tarabelo aínda sona nos muíños da Cancela. Con frecuencia os escolares acoden a estas dúas máquinas de moer para coñecer o seu funcionamento da man dalgún veciño sabio e xeneroso de Salcedo. Alí debullan o millo e collen coas súas mans a fariña e o farelo que moe a moa; aprenden qué é un pousadoiro, unha moega ou un inferno, un espazo que non tortura almas en pena, pero que acolle un rodicio que vira a unha velocidade do diaño.

Os muíños como os do Batán, do Outeiro ou da Cancela foron construcións deseñadas para aproveitar a forza hidráulica dos regatos por medio dun dispositivo mecánico que se acubilla no seu interior, de xeito que o paso da auga activa unha roda motriz situada en posición horizontal que fai posible a transformación do grao en fariña. O campesiñado veu aproveitando desde sempre as forzas naturais, e neste caso os ríos e os regatos foron a fonte de enerxía necesaria para transformar os recursos obtidos polo traballo no campo, o millo e en menor medida centeo e trigo, en fariña e posteriormente en pan; elemento central da dieta desde o século XVIII.

O conxunto foi recuperado pola veciñanza coa colaboración da Asociación dos Heroes do Campo da Porta, da Comunidade de Montes de Salcedo e do Concello de Pontevedra no ano 2014. Este tipo de actuacións son un exemplo de posta en valor de lugares de grande interese patrimonial, no que a implicación activa do tecido asociativo e a conexión coa administración local fan que espazos abandonados e baldeiros poidan ser dinamizados e interpretados para o goce de todos.