- Salcedo no tempo - http://salcedonotempo.eu -

Val do Río Tomeza

O río Tomeza discorre desde as inmediacións da ría de Vigo ata chegar ao río Lérez no abeiro da ría de Pontevedra, nunha orientación (de sur a norte) singular dentro dos ríos das Rías Baixas. A súa viaxe de case 11 quilómetros comeza no Mato da Xestiña, lugar de Boullosa, na parroquia de Figueirido pertencente ao veciño Concello de Vilaboa, e remata no barrio pontevedrés das Corbaceiras. Unha parte moi importante do seu percorrido vai en paralelo á ruta Portuguesa do Camiño de Santiago, atravesando os lugares de Figueirido, Bértola, Tomeza e Salcedo.

A riqueza toponímica do río vén determinada pola multitude de nomes que recibe en cadanseu lugar. Así, o río Tomeza se lle chama Cocho, Regheiro, da Estación ou das Veigas da Porta en Figueirido; Toxal en Bértola; Tomeza en Salcedo e Tomeza; e no treito urbano de Pontevedra é coñecido como Menexo, Palamios, Da Taboada, Da Goleta, Da Estación, Tomeza ou máis popularmente “Dos Gafos”. Este último nome, fai referencia a “laceirento, leproso” posto que na súa marxe, concretamente na actual rúa da Ribeira dos Peiraos, abriu as súas portas o Hospital de San Lázaro ou Hospitaliño dos Gafos no século XVI, dedicado á cura destas enfermidades.

O río Tomeza ou dos Gafos estivo moi presente nos veciños do barrio da Moureira. A prohibición de lavar a roupa no curso do río Lérez, fixo típica a imaxe de mulleres nas beiras dos Gafos, lavando a roupa a diario. A tradición oral tamén recolle lendas e mitos populares referentes ao nacemento dos arrabaldes da Moureira e as lavandeiras, así como numerosas lendas relacionadas coa mediciña popular e a sanación.

Desde o punto de vista natural, a vexetación de ribeira é importante nalgúns treitos do río, con estratos herbáceos, fentos, liques, silvas, brións e mesmo lúpulo. Destaca a localización de “prunus padus”, chamado popularmente Cerdeiro de Acio ou Pau de San Gregorio, moi raro nestas latitudes e así mesmo son numerosas as formacións boscosas como brañas de salgueiros e amieiros; fragas con importante presenza de carballos, freixos e bidueiros; e soutos formados por castiñeiros. A fauna que podemos atopar é a característica neste tipo de hábitat, coa presenza de insectos, caracois, bolboretas, ou lagartos de silveiras. Chama a atención na actualidade a presenza de londras, feito que nos asegura a boa calidade da auga.

Pola presenza destes seus valores naturais, o río Tomeza ou dos Gafos está protexido lexislativamente como Espazo Natural de Interese Local pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e tamén está prohibida a actividade cinexética en todo o río.